Friday 19 de April de 2024

O Concello da Coruña acomete traballos para recuperar a antiga fonte de San Vicente de Elviña e renovar a súa contorna


O proxecto de reurbanización, consensuado coa veciñanza, conta cun orzamento de 240.000 euros e supón unha mellora ambiental, do mobiliario público e da mobilidade peonil

A Concellaría de Urbanismo acaba de rematar os traballos para dotar o barrio dunha nova área infantil e dunha pista multideporte

O Concello da Coruña iniciou esta semana os traballos de recuperación e restauración da antiga fonte e o lavadoiro de San Vicente de Elviña. Trátase dunha obra moi importante e demandada pola veciñanza que supón a renovación completa do contorno da praza Emilio Jaspe Deza.

O proxecto de reurbanización supón unha mellora ambiental do contorno, a recuperación da antiga fonte de San Vicente de Elviña e a eliminación de elementos desconformes do lavadoiro. Tamén se conseguirá unha mellora da mobilidade peonil e da estancia das persoas en todo o espazo público ao unificar a zona do lavadoiro a un lado da estrada provincial cos arredores do local social, situado ao outro lado. Por outra banda, tamén se acometerá unha mellora notable tanto na calidade do mobiliario urbano como nos pavimentos e nas infraestruturas.

O orzamento destes traballos é de 239.999,75 euros e fináncianse con cargo aos fondos do Plan estatal de vivenda 2013-2016, entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Fomento. O proxecto foi redactado polas arquitectas Cristina Ouzande e Cristina Ezcurra, cunha ampla experiencia en intervención en espazos públicos e construcións tradicionais e históricas. O prazo de execución é de cinco meses.

A Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, que dirixe Juan Díaz Villoslada, comezou os trámites para acometer estes traballos a comezos de outubro do 2019, cando visitou a asociación de veciños dos Rexumeiros e se lles presentou o proxecto. En novembro do 2019 enviouse ao servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e en decembro as arquitectas presentaron o proxecto revisado segundo as indicacións de Patrimonio Cultural e os cambios suxeridos pola veciñanza. As modificacións afectaron principalmente ao espazo situado fronte ao local social, que quedará o máis despexado posible para as actividades das veciñas e veciños.

“Esta actuación amosa o compromiso do Goberno de Inés Rey coa recuperación do patrimonio da Coruña. Desde o Concello contamos desde o primeiro momento coa visión da veciñanza de San Vicente de Elviña para acometer esta rehabilitación integral do contorno da antiga fonte. Trátase dunha obra moi importante para este histórico lugar”, apunta Juan Díaz Villoslada.

O Concello da Coruña, para levar a cabo esta obra, expropiou dúas construcións situadas no número 38 da rúa Antonio Insua Rivas. Esta acción permitirá unha mellora substancial do espazo público do núcleo rural e unha mellor conexión visual e de mobilidade entre o local social e os arredores do lavadoiro e a fonte.

Outros traballos
Ademais das labores que comezaron esta semana na zona do lavadoiro, xa están rematados os traballos para dotar o barrio coruñés dunha nova zona infantil e dunha pista multideporte.

Investíronse 185.000 euros para restaurar a instalación deportiva. Ademais da creación do novo parque infantil, tamén se instalou unha zona de máquinas biosaudables. O ámbito da actuación foron 1.500 metros cadrados.